Parece que a presión por parte de todas as persoas que asinaron contra o uso de vaixelas de plástico no comedor escolar e o esforzo das propias nais e pais do colexio Souto-Donas está facendo efecto.

Entrega de sinaturas no concello de Gondomar, 13 de xuño de 2014
A concelleira responsable dos comedores escolares de Gondomar, Patricia Duran, comunicounos que están a preparar a nova convocatoria do concurso público das empresas de catering para o próximo curso, e que van incentivar co máximo de puntos posibles as empresas que utilicen vaixela de vidro temperado ou de louza. O criterio que van esgrimir e o medioambiental xa segundo a concelleira o criterio de protexer a saúde dos nenos non poden mencionalo xa que ao seren perfectamente legais as vaixelas de plástico as propias empresas poderían botar abaixo a convocatoria.
Isto son noticias que van na boa dirección, se se converten finalmente en feitos. Por suposto, ata que non vexamos os nenos e nenas comeren e beberen en vaixela de louza ou vidro temperado non poderemos botar as campás ao voo; ainda así, as expectativas son muito mellores ca dous meses atrás, cando eramos directamente ignorados pola administración.
Así e todo queremos que se coñeza esta predisposición por parte do concello de Gondomar para que as familias, as ANPAs e outros concellos do país tomen nota, porque as convocatorias dos concursos para os novos caterings se van abrir de contado, segundo nos informaron.
De novo grazas de todo corazón a todas as persoas que nos estades axudando a vencer nesta loita pola saúde de cativas e cativos!