Grazas polas +3.000 sinaturas recollidas online!

En nome das nais e país do CEIP Souto-Donas de Gondomar queremos agradecer a todas as persoas que firmastes na plataforma Change.org (máis de 3.290 cando publicamos isto!), así como as que asinaron a pé de cole durante estas semanas.

Este venres día 13 ás 10:00h entregaremos todas as sinaturas recollidas no concello de Gondomar e aproveitaremos para convocar os medios de comunicación.

Parece que a presión por parte de todas as persoas que estades a asinar e o esforzo das nais e pais do Souto-Donas está facendo efecto. A concelleira responsable dos comedores escolares de Gondomar, Patricia Duran, comunicounos que están a preparar a nova convocatoria do concurso público das empresas de catering para os dous vindeiros cursos, e que van incentivar coa máxima puntuación posible no concurso as empresas que utilicen vaixela de vidro atemperado ou de louza. Por suposto, que ata que non vexamos os nenos e nenas comer e beber en vaixela de louza ou vidro temperado non poderemos botar as campás ao voo; aínda así, as expectativas son muito mellores que dous meses atrás, e gran parte da culpa tédela vós coa vosa implicación en algo que é de sentido común.

Agora só falta que en todos os coles tanto públicos como privados de toda Galiza, as familias, as ANPAs, se mobilicen para que as nenas e os nenos non sexan tratados como porquiños.

Moitas grazas en nome deste grupo de nais e pais do CEIP Souto-Donas de Gondomar 🙂