Grazas polas +3.000 sinaturas recollidas online!

En nome das nais e país do CEIP Souto-Donas de Gondomar queremos agradecer a todas as persoas que firmastes na plataforma Change.org (máis de 3.290 cando publicamos isto!), así como as que asinaron a pé de cole durante estas semanas.

Este venres día 13 ás 10:00h entregaremos todas as sinaturas recollidas no concello de Gondomar e aproveitaremos para convocar os medios de comunicación.

Parece que a presión por parte de todas as persoas que estades a asinar e o esforzo das nais e pais do Souto-Donas está facendo efecto. A concelleira responsable dos comedores escolares de Gondomar, Patricia Duran, comunicounos que están a preparar a nova convocatoria do concurso público das empresas de catering para os dous vindeiros cursos, e que van incentivar coa máxima puntuación posible no concurso as empresas que utilicen vaixela de vidro atemperado ou de louza. Por suposto, que ata que non vexamos os nenos e nenas comer e beber en vaixela de louza ou vidro temperado non poderemos botar as campás ao voo; aínda así, as expectativas son muito mellores que dous meses atrás, e gran parte da culpa tédela vós coa vosa implicación en algo que é de sentido común.

Agora só falta que en todos os coles tanto públicos como privados de toda Galiza, as familias, as ANPAs, se mobilicen para que as nenas e os nenos non sexan tratados como porquiños.

Moitas grazas en nome deste grupo de nais e pais do CEIP Souto-Donas de Gondomar 🙂

Advertisements

Rexeitan que as crianzas “coman en plástico” e queren facerse oír no pleno de #Gondomar (Valminor.info)

(Noticia publicada en Valminor.info.)

Pais contrarios ao uso das bandexas plásticas nos comedores escolares do Val Miñor estarán presentes no pleno de Gondomar do vindeiro luns 12 de maio. Tamén convocan a unha mesa informativa a desenvolverse o mércores 14 coa presenza de pediatras da bisbarra.

Os convocantes desexan “facer oír” o reclamo que partiu da ANPA do CEIP Souto Donas trala negativa da empresa que rexenta o comedor e o Concello de Gondomar de trocar o material plástico dos recipientes. Aínda que os mesmos son considerados legais pola normativa vixente, alertados por informes da Organización Mundial da Saúde, o colectivo entende que deben tomarse medidas preventivas e cambialos por outros de louza ou aceiro inoxidábel.

Mesa informativa coa participación de pediatras.

Co mesmo obxectivo o vindeiro mércores 14 ás 20 horas desenvolverán un encontro para informar ás familias das consecuencias que pode ter para as crianzas “comer en plástico”. O mesmo terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoranos (Avda. da Feira, 10, baixo) en Gondomar.

A xuntanza comezará coa proxección dunha conferencia do Dr. Nicolás Olea, catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Granada e coñecido divulgador de programas de información sobre produtos tóxicos cotiás. Deseguido, terá lugar un relatorio da situación no comedor escolar do CEIP Souto – Donas, na que participará o biólogo César Lema. O acto rematará cunha intervención do pediatra de Baiona, Ignacio Porrit Lureiro.