Todos os plásticos están baixo sospeita

Plásticos, todos os que estean en contacto con bebidas ou alimentos, e digo todos, están baixo sospeita: “malos”, “regulares” e “bos.

Por exemplo, o Polipropileno din que é un dos plásticos mellores debido a que é mais estable ca outros plásticos que se emplean habitualmente como vaixela nos comedores escolares, e ademais non leva Bisfenol A (BPA) un perturbador endocrino presente en certos plásticos como o Policarbonato que tamén se emprega en vaixelas plásticas nos comedores escolares. Dende que no ano 1990 un equipo californiano de investigación alertara dos efectos estroxénicos do Bisfenol-A pasaron 21 anos ata que a Axencia Europea de Seguridade Alimentar (EFSA) non tivo mais remedio, debido as irrefutables evidencias científicas, de prohibilo. Pero ollo! Só se prohibiu en biberóns. É así é que aínda se empregan platos con BPA en garderías e colexios… algo totalmente incrible!!! De feito en Franza o ano que vén van prohibir o BPA en absolutamente TODOS os recipientes que conteñan bebidas ou comidas para TODA a poboación.

Debemos coñecer tamén que hai outras sustancias nos plásticos que tamén se sabe que funcionan como disruptores endocrinos como son os ftalatos, presentes no Polietileno tereftalato (PET) do que están feitos a inmensa maioría das botellas de auga e demais recipientes desbotables. Os ftalatos están menos estudados có BPA, así que se para prohibir o BPA nos biberóns tardaron 21 anos… imaxinade canto tempo seguiremos comendo, bebendo e mexando ftalatos!

Ah! Pero o Polipropileno (PP) e outros plásticos “bos” como o Polietileno de alta densidade (HDPE) ou o Polietileno de baixa densidade (LDPE) non teñen nin BPA nin ftalatos? Iso din empresas irresponsables e institucións totalmente despreocupadas da prevención das enfermidades… En realidade para fabricar todos os plásticos, malos, regulares e bos, engádenlles aditivos que, por unha banda, o fabricante non indica nas etiquetas —isto é unha das cousas que denuncian no informe da OMS de febrero de 2013 que xa temos mencionado nesta campaña— e, pola outra banda, non se se coñecen os seus efectos: pasan aos alimentos dende o plástico? … O que calquera persoa que estudara Química sabe é que existe un fenómeno que se chama migración, é dicir, que unha parte das sustancias contidas nos plásticos (tantos os seus monómeros como os aditivos que se lles engaden) se desprenden e poden pasar aos alimentos. Esta migración agrávase pola degradación da estrutura molecular que sofre o plástico cando se somete a repetidos lavados con deterxentes, auga quente, ademais das reaccións coas propias sustancias dos alimentos. Como poden afectar estas sustancias a saúde? A unión de unha ou varias sustancias poden ter efectos sinérxicos e incrementar a súa acción? Poden algúns destes aditivos ter tamen efectos estroxénicos? Son demasiadas dúbidas para aceptar calquera tipo de plástico nos comedores escolares se o que queremos é protexermos a saúde dos máis pequenos.

Os aditivos que se utilizan para fabricar os plásticos son:

Antioxidantes, Desactivadores metálicos, Estabilizadores UV (algúns destes produtos protectores dos raios solares xa se sabe que son disruptores endocrinos), Estabilizadores térmicos, Lubricantes, Plastificantes, Axudantes do proceso, Axentes de nucleación, Modificadores de impacto, Recheos e reforzantes, Axentes de acoplamento, Retardantes do lume, Axentes antibloqueantes, Deslizantes, Axentes Espumantes, Biocidas, Corantes.

Neste senso en 2008 sae publicado na revista Science (unha revista científica de primeira orde) que unha equipa de investigadores, facendo estudos con enzimas, encontraron resultados anómalos… Despois de moito averiguar encontraron que dos tubos de plástico polipropileno que empleaban nos experimentos se desprendían dúas sustancias: unha era un desinfectante que se lle vota o plástico no proceso de fabricación e outro era oleamida, un aditivo que se emplea para que os plásticos desmolden ben…. Estas son as palabras do investigador principal, o doutor Andrew Holt:

“É moi difícil dicir se debemos estar preocupados desde un punto de vista da saúde.”

Como podedes comprender, como pais e nais si que deberiamos estar moi moi preocupados. Están saíndo substancias dos plásticos que van parar aos alimentos que inxiren os nosos fillos e fillas, e que non nos advirte ninguén de que poden estar aí… e que tampouco se sabe os seus efectos cales poden ser? É por iso que debemos como pais e nais responsables aplicar o Principio de Precaución que é xustamente o que non aplican nin as empresas nin a administración.

Advertisements

Rexeitan que as crianzas “coman en plástico” e queren facerse oír no pleno de #Gondomar (Valminor.info)

(Noticia publicada en Valminor.info.)

Pais contrarios ao uso das bandexas plásticas nos comedores escolares do Val Miñor estarán presentes no pleno de Gondomar do vindeiro luns 12 de maio. Tamén convocan a unha mesa informativa a desenvolverse o mércores 14 coa presenza de pediatras da bisbarra.

Os convocantes desexan “facer oír” o reclamo que partiu da ANPA do CEIP Souto Donas trala negativa da empresa que rexenta o comedor e o Concello de Gondomar de trocar o material plástico dos recipientes. Aínda que os mesmos son considerados legais pola normativa vixente, alertados por informes da Organización Mundial da Saúde, o colectivo entende que deben tomarse medidas preventivas e cambialos por outros de louza ou aceiro inoxidábel.

Mesa informativa coa participación de pediatras.

Co mesmo obxectivo o vindeiro mércores 14 ás 20 horas desenvolverán un encontro para informar ás familias das consecuencias que pode ter para as crianzas “comer en plástico”. O mesmo terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoranos (Avda. da Feira, 10, baixo) en Gondomar.

A xuntanza comezará coa proxección dunha conferencia do Dr. Nicolás Olea, catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Granada e coñecido divulgador de programas de información sobre produtos tóxicos cotiás. Deseguido, terá lugar un relatorio da situación no comedor escolar do CEIP Souto – Donas, na que participará o biólogo César Lema. O acto rematará cunha intervención do pediatra de Baiona, Ignacio Porrit Lureiro.