Entregamos milleiros de sinaturas no Concello de Gondomar para que os nenos non coman plástico

Parece que a presión por parte de todas as persoas que asinaron contra o uso de vaixelas de plástico no comedor escolar e o esforzo das propias nais e pais do colexio Souto-Donas está facendo efecto.

Entrega de sinaturas no concello de Gondomar, 13 de xuño de 2014

Entrega de sinaturas no concello de Gondomar, 13 de xuño de 2014

Este pasado venres 13 fixemos entrega no rexistro do Concello de Gondomar, dirixidas ao alcalde, 1.400 sinaturas recollidas fisicamente, a maioría a pé dos colexios de Gondomar, Nigrán e Baiona, y as máis de 3.500 recollidas en Change.org ata o momento.

A concelleira responsable dos comedores escolares de Gondomar, Patricia Duran, comunicounos que están a preparar a nova convocatoria do concurso público das empresas de catering para o próximo curso, e que van incentivar co máximo de puntos posibles as empresas que utilicen vaixela de vidro temperado ou de louza. O criterio que van esgrimir e o medioambiental xa segundo a concelleira o criterio de protexer a saúde dos nenos non poden mencionalo xa que ao seren perfectamente legais as vaixelas de plástico as propias empresas poderían botar abaixo a convocatoria.

Isto son noticias que van na boa dirección, se se converten finalmente en feitos. Por suposto, ata que non vexamos os nenos e nenas comeren e beberen en vaixela de louza ou vidro temperado non poderemos botar as campás ao voo; ainda así, as expectativas son muito mellores ca dous meses atrás, cando eramos directamente ignorados pola administración.

Así e todo queremos que se coñeza esta predisposición por parte do concello de Gondomar para que as familias, as ANPAs e outros concellos do país tomen nota, porque as convocatorias dos concursos para os novos caterings se van abrir de contado, segundo nos informaron.

De novo grazas de todo corazón a todas as persoas que nos estades axudando a vencer nesta loita pola saúde de cativas e cativos!